Saltar ao contido principal
Xornal

A Aula de Produtos Lácteos da USC desenvolve dous alimentos enriquecidos para público sénior ao abeiro do proxecto Nutriage

Un iogur natural con omega 3 e unha bebida hospitalaria hiperproteica, innovacións alimentarias creadas pola APLTA xunto con CLUN, Queizúar e Adventia Pharma

Actualizada: 09-10-2019 09:19
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Pereda e Álvarez na xornada técnica de presentación de resultados

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do campus de Lugo da USC ultima o desenvolvemento de dous novos alimentos acaídos para mellorar a calidade de vida do público sénior, tal e como o son un iogur natural enriquecido con Omega 3 e unha bebida hospitalaria hiperproteica elaborada con hidrolizado de proteína de soro.

 

O centro universitario lugués traballa no desenvolvemento destas novas solucións alimentarias innovadoras no marco dun consorcio no que tamén participan as empresas Clun, Queizúar SL e Adventia Pharma SL, ao abeiro do proxecto europeo ‘Nutriage, solucións avanzadas para un envellecemento saudable a través da nutrición’, orientado a mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 65 anos na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través da chamada dieta atlántica.

 

As características e propiedades funcionais destes novos produtos alimenticios responden ás singularidades da alimentación recomendada para o colectivo de persoas que conforman o chamado mercado da terceira idade, dado que se trata de alimentos de fácil deglutición e que ofrecen unha hidratación elevada, entre outras funcionalidades, segundo explicaron as xestoras do proxecto Nutriage na APLTA, María Pereda e Ana Álvarez, durante a xornada técnica de presentación de resultados deste programa europeo que conta con financiamento a través dos fondos Feder e que está coordinado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

 

O iogur natural enriquecido desenvolvido pola Aula e CLUN é unha solución alimentaria innovadora fabricada con leite Únicla, leite en po desnatado, fibra, aceite omega 3 e fermentos lácticos que atopa o seu elemento diferenciador no ácido graxo omega 3. Este compoñente axuda a reducir os niveis de graxa en sangue, contribúe a previr enfermidades cardiovasculares, ao tempo que resulta beneficioso para reducir a presión arterial en persoas hipertensas, ademais de presentar outras propiedades antioxidantes que melloran a función endotelial e neuronal, segundo salientan Pereda e Álvarez

 

Este iogur, engaden as xestoras do proxecto Nutriage na APLTA da USC, constitúe asemade unha fonte de proteínas de alta calidade que axuda a conservar a masa muscular. Daquela, como a súa inxestión vai asociada a unha mellor absorción do calcio respecto doutros alimentos que tamén conteñen este mineral, o consumo deste iogur contribúe a frear o avance da osteoporose e a previr fracturas, sobre todo en casos de traumatismos e en mulleres postmenopáusicas.

 

A bebida de uso hospitalario desenvolvida na Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxía Alimentarias do campus de Lugo da USC seguindo a receita proporcionada por Adventia Pharma SL ten como base un hidrolizado de proteína de soro fabricado por Queizúar SL. Este novo produto está recomendado para a poboación sénior que presenta perda de masa muscular debido, cando menos en parte, á redución de consumo de alimentos proteicos por mor de problemas de deglutición/mastigación.

 

Esta bebida está composta fundamentalmente por péptidos de pequeno tamaño con actividades funcionais demostradas. O seu perfil proteico é de alta calidade nutricional, dado que contén todos os aminoácidos esenciais en cantidades elevadas. A composición deste alimento e o seu sabor a vainilla fan deste bebible un magnífico suplemento para doentes hospitalarios ou persoas dependentes, comentan María Pereda e  Ana Álvarez.

 

Estas dúas solucións alimenticias innovadoras constitúen dúas das primeiras achegas do proxecto Nutriage, no que, ademais da APLTA, tamén están a traballar outros grupos de investigación do campus de Lugo. De feito, Nutriage é unha actuación financiada a través do programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 que contempla diversas accións. A execución destes traballos son responsabilidade dun consorcio do que forman parte a USC, a Asociación Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA), a Universidade Católica Portuguesa - Centro Regional de Porto, a Associação Integralar (PortugalFoods), ANFACO-CECOPESCA (Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos - Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos de la Pesca), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) e la institución Santa Casa da Misericórdia de Porto.