Saltar ao contido principal
Xornal

ForoAcui aborda o estado dos recursos mariños e da acuicultura en Galicia e o mundo

A XXII edición desta iniciativa bota a andar este xoves 10 de outubro ás 09.30 horas na Illa da Toxa

Actualizada: 09-10-2019 11:43
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel do foro

O XXII Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas (ForoAcui) actualiza, os días 10 e 11 de outubro na Illa de A Toxa, o coñecemento do estado dos recursos mariños e da acuicultura en Galicia e o resto do mundo. Esta iniciativa favorece o contacto entre centros de investigación, empresas e institucións públicas, tanto nacionais como internacionais.

 

O evento reúne dende as 9.30 horas, a representantes do sector, tanto de empresas como de profesionais do mar e persoal investigador procedentes de Galicia e doutras comunidades autónomas, quen xunto con técnicos e persoal experto doutros países achegan diferentes visións e experiencias de grande interese colectivo para este ámbito de actividade e investigación. O evento, que inclúe a publicación anual das intervencións e traballos que se presentan no Foro, conforma un foro considerado por especialistas deste ámbito como o máis atractivo dos que anualmente se celebran en España.

 

A edición de 2019 do Foro dedicará un especial recoñecemento ao Instituto de Investigación Mariñas-CSIC (IIM), dando continuidade ao realizado o pasado ano ao IEO, para salientar o traballo que esta institución desenvolve en relación cos recursos mariños e a acuicultura. O programa do encontro celébrase na Illa da Toxa coincidindo coa festa do Marisco do Grove.

 

Programa
O programa arrancará cunha presentación do IIM de Vigo da man do seu director, Francisco Saborido Rey, e completarase cunha mesa redonda na que se presentarán distintas liñas de traballo que desenvolve este centro de investigación do CSIC en relación á relación do clima cos recursos mariños, novos retos na acuicultura do mexillón ou sobre o problema dos descartes en Europa. Completando esta sesión matinal celebrarase unha mesa redonda sobre marisqueo e pesca de baixura, para continuar pola tarde coa presentación de distintos relatorios agrupados nos bloques temáticos dedicados á acuicultura e á empresa e recursos.

 

A segunda xornada estará dedicada á análise dos efectos do Brexit con dúas mesas de debate sobre a súa incidencia específica na pesca e na acuicultura. José Joaquín Hernández Brito, director executivo do Atlantic International Research Centre (AIR-Centre), pronunciará a conferencia maxistral titulada ‘A investigación mariña no océano Atlántico’. O programa botará o peche coa entrega do XV Premio ao mellor panel.