Saltar ao contido principal
Xornal

A USC aborda o envellecemento saudable a través da mostra ‘A vivir que son 100 anos’ da Fundación Xeral do CSIC

A exposición analiza cuestións de interese xeral como os efectos da xubilación en cada persoa ou o mantemento do actual estado de benestar

Actualizada: 16-10-2019 09:58
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A mostra presta atención a cuestións como os efectos da xubilación en cada persoa ou o mantemento do actual estado de benestar. Foto: Santi Alvite

A USC trae a Galicia a exposición itinerante ‘A vivir que son 100 anos’, impulsada pola Fundación Xeral do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), e cuxo obxectivo final é mellorar a comprensión do fenómeno do envellecemento e fomentar iniciativas innovadoras que contribúan a transformar este proceso nunha fonte de oportunidades. A mostra pode visitarse de balde no Colexio de Fonseca de luns a venres entre as 11.00 e as 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, ata o vindeiro 5 de xaneiro.

 

Esta exposición que vén de mostrarse na Casa da Ciencia de Sevilla e no Museo da Ciencia de Valladolid, consta de paneis, audiovisuais e interactivos, que ofrecen dous itinerarios paralelos. O primeiro atende á experiencia do envellecemento individual e o outro atópase centrado nas cuestións que afectan o envellecemento colectivo ou demográfico.

 

A través de cinco ámbitos diferentes, a exposición convida a percorrer o camiño da vida e a enfrontarse ao proceso de envellecemento, mostrando aqueles factores que poidan determinar que o devandito itinerario se efectúe nas mellores condicións posibles. Desta forma, os visitantes descubrirán que a aprendizaxe continua, unha nutrición óptima, o exercicio físico ou as relacións sociais son algúns dos aspectos que inflúen, en gran medida, neste proceso.

 

A exposición analiza tamén cuestións de interese xeral como os efectos da xubilación en cada persoa, o mantemento do actual estado de benestar, os avances médicos e tecnolóxicos en torno ao envellecemento, ou o funcionamento dos sistemas de pensións e sanitario.

 

Acto inaugural

O vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce, inaugurou a mostra este martes, no Colexio de Fonseca, xunto ao delegado institucional do CSIC en Galicia, Antonio De Ron Pedreira; o director xeral da Fundación Xeral CSIC, Álvaro Giménez; e do profesor da Universidade de Vigo, Xesús Lage Picos.

 

Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto ‘Centro Internacional sobre Envellecemento’ do Programa de Cooperación Interreg V.A. España-Portugal.


Outras imaxes


O vicerreitor Víctor Arce presidiu o acto inaugural. Foto: Santi Alvite