Saltar ao contido principal
Xornal

Unha investigación da USC analiza como se desenvolven os criterios na argumentación sobre alimentación sustentable

As percepcións dos participantes no estudo evolucionaron dende a invisibilidade do impacto ambiental das dietas ata a consideración da súa relevancia

Actualizada: 16-10-2019 11:26 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Alumnado da USC nun comedor universitario. Foto: Santi Alvite

O  profesor da área de Didáctica das Ciencias Experimentais na USC, Pablo Brocos Mosquera, aborda na súa tese de doutoramento como se desenvolven os criterios na argumentación sobre alimentación sustentable. A tese está dirixida pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación María Pilar Jiménez Aleixandre e nela constátase como as percepcións dos participantes no estudo evolucionaron dende a invisibilidade do impacto ambiental das dietas ata a consideración da súa relevancia.

 

A tese examina, a través de dous estudos de caso, un en profesorado en formación e outro con alumnado de bacharelato, o desenvolvemento de criterios sobre argumentación acerca de dietas e modelos de alimentación sustentables. A investigación pretende contribuír ao estudo de aspectos non estruturais da argumentación no contexto de toma de decisións sobre cuestións socio-científicas, ao desenvolvemento de criterios sobre dietas axeitadas, e á promoción de condutas alimentarias máis sustentables e saudables, tendo en conta, tal e como afirma Brocos, que ata hai poucos anos apenas se prestou atención ao impacto ambiental da alimentación. O estudo examina como os participantes perciben cinco dimensións das dietas (nutricional, ambiental, económica, ética e cultural-persoal) e como as utilizan como criterios para valorar e argumentar sobre diferentes modelos de alimentación.

 

Importancia dos criterios culturais

Os resultados da investigación indican, entre outras cuestións, que as percepcións dos participantes evolucionaron dende a invisibilidade do impacto ambiental das dietas ata a consideración da súa relevancia e unha maior presenza nos seus argumentos. Os grupos encadraron a cuestión desde un punto de vista interdisciplinar, e utilizaron unha ampla variedade de datos para xustificar que as dietas con maior proporción de produtos vexetais son ambientalmente máis axeitadas. A análise dos debates revelou a importancia concedida aos criterios culturais na escolla dunha dieta, e identificáronse disposicións a modificar os propios hábitos alimentarios, mais en moitos casos a responsabilidade destes cambios foi trasladada á sociedade.

 

As implicacións do estudo inclúen a necesidade de problematizar a alimentación e a súa sustentabilidade, facendo máis visible o seu impacto ambiental, e propóñense ferramentas analíticas para caracterizar os obxectivos epistémicos do alumnado, que poden axudar a deseñar contornas de aprendizaxe que os promovan. Asemade, suxírese a necesidade de incorporar conflitos no deseño das tarefas, co obxectivo de aumentar a concienciación sobre a solidariedade global e a asunción de responsabilidades individuais para promover unha transición cara unha sociedade máis sustentable.

 

Tribunal e cualificación

O tribunal estivo composto polos profesores Blanca Puig da USC, Beatriz Bravo da Universidade Autónoma de Madrid e Manuel Bächtold da Universidade de Montpellier. A tese, con mención internacional, acadou a cualificación de sobresaliente  cum laude.


Outras imaxes


Brocos Mosquera e Jiménez Aleixandre xunto ao tribunal avaliador da tese. Foto: Ramón López Facal