Saltar ao contido principal
Xornal

“A Facultade de Humanidades dá continuidade á tradición da formación humanística en Lugo”, di o decano Gonzalo Fernández

O reitor Antonio López salienta a “transversalidade” como unha das fortalezas da Facultade de Humanidade no acto de toma de posesión do novo equipo de dirección

Actualizada: 16-10-2019 14:54
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor Antonio López e o decano Gonzalo Fernández, no centro, con membros do equipo de goberno da USC e da Facultade de Humanidades

“A Facultade de Humanidades é en certa medida depositaria e dá continuidade á tradición dos estudos e da formación de corte humanística que comezaron a impartirse na cidade de Lugo a cabalo dos séculos XVI e XVII e cuxo nacemento ten unhas raíces parellas ao da propia USC”, salientou o  profesor da área de Ciencias e Técnicas Historiográficas do Departamento de Historia da USC e integrante do grupo de investigación Atalaia, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, no seu acto de toma de posesión como decano da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, unha concorrida sesión académica presidida polo reitor da USC, Antonio López, quen salientou a “transversalidade da súa formación” como unha das fortalezas dun centro universitario lugués, no que se imparten un título de grao, o Máster en Servizos Culturais e un programa de doutoramento internacional.

 

A xustificación da pertinencia dunha Facultade de Humanidades no campus universitario de Lugo serviu ao decano electo para iniciar unha férrea defensa dun centro afectado pola baixa matrícula de alumnado, pero dotado de “magníficas instalacións, profesorado cualificado e no que se imparte unha formación de calidade acreditada e recoñecida dentro e fóra da USC”.

 

Agradecido aos seus predecesores no cargo, así como a todas as persoas que forman parte da Facultade de Humanidades, o profesor Fernández Suárez non dubidou en solicitar o máximo apoio e colaboración do goberno da USC nas tarefas de implantación e difusión do novo grao en Xestión Cultural, un título que comezará a impartirse no curso 2020-21 e no que tanto o claustro como a dirección do centro ten depositada a máxima confianza cara espertar un maior atractivo entre o estudantado, así como para estreitar as súas ligazóns cos profesionais da xestión cultural.

 

“O grao en Xestión Cultural permitirá formar a titulados nun ámbito ata o momento non explorado no Sistema Universitario Galego”, dixo o profesor Fernández Suárez, para logo adiantar os seu propósito de ampliar o número de convenios para a realización de prácticas profesionalizantes por parte do futuro alumnado, así como para fortalecer o posicionamento do centro universitario lugués nas aínda novas redes universitarias nacionais e iberoamericanas xurdidas no ámbito da xestión cultural.

 

O novo título de grao é a aposta da Facultade de Humanidades da USC, segundo deixou entrever o seu decano, quen tamén reivindicou a urxencia dun regulamento das ensinanzas semipresenciais, nas que o centro lugués é pioneiro e xa conta con ampla experiencia, ao tempo que demandou apoio institucional para que a Facultade de Humanidades acubille o futuro posgrao en Lingua Española para Estranxeiros ou cando menos a súa modalidade semipresencial, un título aínda en fase de elaboración para o que Fernández Suárez xa presentou a candidatura dun centro que vería así saldada parte da débeda que implica a supresión do título de grao en Lingua e Literatura Española, dixo o decano, quen contará cun equipo de dirección formado polos profesores Ana Goy Diz, en calidade de vicedecana, e José María Anguita Jaén, en funcións de secretaría académica.

 

A existencia dun nutrido grupo de profesorado integrado nas áreas filolóxicas é un argumento sólido para tal pretensión, segundo relatou a xa exdecana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, quen achaca o decaemento do alumnado matriculado no centro a cuestións demográficas, pero tamén a normativas numéricas moi estritas e á desaparición dos chamados créditos de libre configuración.

 

O reitor Antonio López asumiu como retos propios da USC as demandas formuladas polo decano da Facultade de Humanidades, ao que ofreceu o máximo apoio institucional nos próximos anos, un escenario no que “a transversalidade das formación de corte humanístico debe entenderse como unha fortaleza”. Aínda así, “o maior reto está en definir con tino os contidos e a orientación dos novos títulos, a fin de que resulten atractivos para o alumnado e favorezan a súa inserción no marcado laboral”, concluíu.

 

O acto de toma de posesión do profesor Gonzalo Francisco Fernández Suárez congregou unha nutrida representación de profesorado da Facultade de Humanidades, así como a un bo número de decanos e directores de centros universitarios do campus de Lugo. A secretaria Xeral da USC, Dulce García Mella; a vicerreitora de Coordinación de Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; os vicerreitores de Profesorado, Ernesto González; Organización Académica, Celia Besteiro; Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, e os adxuntos á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, e Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, tamén asistiron a esta sesión protocolaria de toma de posesión.


Outras imaxes


O reitor felicita ao novo decano en presenza de Isabel González Rey e Dulce García Mella