Saltar ao contido principal
Xornal

A Biblioteca Universitaria participa nun MicroMOOC sobre Ciencia Aberta a través da rede social Twitter

A USC toma parte nesta iniciativa xunto a outras dezaoito universidades e institucións entre o 21 e 25 de outubro na Semana Internacional do Acceso Aberto

Actualizada: 18-10-2019 10:26
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel da iniciativa

A Biblioteca Universitaria da USC, xunto con outras dezaoito universidades e institucións, participará no MicroMOOC que sobre Ciencia Aberta vaise desenvolver, a través da rede social Twitter, do 21 ao 25 de outubro. O curso coincide coa celebración da Semana Internacional do Acceso Aberto (OAWeek), na que terán lugar moitas e variadas actividades para darlle pulo tanto ao movemento OA como aos repositorios institucionais e publicacións en aberto.

 

O microMOOC no que a Biblioteca Universitaria participa abranguerá cuestións coma novas formas de avaliación, a xestión dos datos de investigación e outros aspectos relativos á Ciencia Aberta. A novidade desta proposta é que poderá seguirse en diversas linguas, simplemente seguindo os distintos cancelos e horarios establecidos. No caso do galego, o cancelo escollido é #CienciaAbertaMOOC19, a través do cal se publicará nesta rede social ás 12.00 horas.

 

Esta iniciativa diríxese especialmente a persoal investigador e estudantado universitario, porén, está aberta tamén a calquera persoa que queira conectar co movemento Open Science e obter deste xeito unha visión transversal. Esta é a razón de que a difusión dos contidos se vaia facer cunha linguaxe sinxela e divulgativa. Máis de trinta profesionais de bibliotecas universitarias e entidades europeas colaboran nesta iniciativa.

 

Promovendo o libre acceso ao pensamento e a investigación, as universidades poden contribuír á consecución dos grandes retos globais definidos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas, afirman dende a Biblioteca Universitaria da USC. O obxectivo é que o coñecemento chegue ao maior número de persoas posible e que sexa colaborativo, de xeito que se poida enriquecer con novas aportacións.

 

O microMOOC, coordinado pola Universidade Aberta de Cataluña, conta, alén de coa USC, co apoio para elaboración dos contidos das bibliotecas do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), e das universidades de Mondragón, Carlos III de Madrid, Extremadura, Huelva, León, Barcelona e Autónoma de Barcelona, Girona, Lleida, Valencia, Vic, Jaume I, Politécnica de Cataluña, Pompeu Fabra, Ramón Llull e Rovira i Virgili.