Saltar ao contido principal
Xornal

O catedrático da USC José Rivas Rey recolle o Premio Salvador Velayos polas súas destacadas achegas no eido do magnetismo

O profesor impartiu unha lección maxistral na Universidade Pública de Navarra co gallo da entrega do galardón

Actualizada: 18-10-2019 13:00
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

José Rivas Rey. Imaxe de arquivo

O catedrático da USC José Rivas Rey recolleu este venres en Pamplona, o VI Premio Salvador Velayos que outorga o Club Español de Magnetismo e que recoñece as múltiples achegas e o destacado labor desenvolvido neste eido polo científico natural de A Pontenova. Co gallo da entrega, Rivas Rey impartiu a lección maxistral ‘Nature-inspired nanostructured magnetic scaffolds for bone tissue engineering’ na Universidade Pública de Navarra.

 

O xurado do premio destacou que na súa sexta convocatoria, o galardón recaeu en Rivas Rey en atención á cantidade e sobre todo á calidade das súas contribucións científicas, ao seu labor de pioneiro no magnetismo español, creando unha frutífera escola en Santiago de Compostela, e polo seu labor na posta en marcha do Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía (INL) en Braga, Portugal. A concesión do premio foi anunciada o pasado ano no marco da Asemblea Xeral do Clube Español de Magnetismo celebrada na Escola Politécnica de Enxeñaría da Universidade de Oviedo en Xixón. Porén, o acto de entrega materialízase coa conferencia impartida este venres na Universidade Pública de Navarra.

 

Rivas Rey pertence ao grupo de investigación Magnetismo e Nanomateriais (Nanomag), ámbito no que conta cun currículo moi extenso e relevante a través de publicacións, patentes e outras actividades relacionadas. Este prestixioso galardón recaeu en edicións anteriores nas figuras de Agustín del Moral e Eloisa López, Antonio Hernando Grande, Josep Fontcuberta, Juan Bartolomé Sanjoaquín e Manuel Vázquez Villalabeitia.