Saltar ao contido principal
Xornal

O Programa de Extensión Cultural de Astronomía abre a súa inscrición ata o 30 de outubro

O programa impulsado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller inclúe observación nocturna e solar, charlas, información bibliográfica e vídeos

Actualizada: 18-10-2019 14:25
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel do programa

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC mantén aberto ata o vindeiro 30 de outubro o prazo de inscrición para o seu Programa de Extensión Cultural de Astronomía (Pecas), que chega xa á súa vixésimo terceira edición. O propósito do curso, dirixido aos membros da comunidade universitaria e ao público xeral, é dar a coñecer o mundo da Astronomía, así como as funcións do Observatorio, fundamentalmente a aquelas persoas que non teñen un contacto directo coa ensinanza oficial desta disciplina.

 

O programa nútrese dunha actividade didáctica no Observatorio, onde se explica a historia do centro, así como unha visita guiada polas súas instalacións. Asemade, realizaranse diversas sesións de observación nocturna e diúrna onde se establecen os principios básicos da observación astronómica, tanto a simple vista como con prismáticos ou telescopio, de tal xeito que os asistentes adquiran a preparación e experiencia necesarias para que poidan realizar observacións pola súa conta.

 

Charlas teóricas sobre asuntos astronómicos xerais para complementar as de carácter práctico, xunto coa emisión de vídeos de divulgación astronómica, onde poder explicar os conceptos e temas tratados nas sesións de observación, serán tamén pezas clave no programa desta iniciativa. Finalmente, este programa contén sesións sobre o uso do planisferio, de telescopios e de reloxos de Sol; así como información sobre bibliografía actual e astronomía na rede. O alumnado que siga con aproveitamento o Pecas pode validar 1 crédito ECTS.

 

Inscrición

Baixo a dirección do profesor José Ángel Docobo Durántez, a inscripción para o público xeral realizarase na  Área de Cultura da USC, ata o 30 de outubro. A solicitude de praza para membros da comunidade universitaria realizarase cubrindo este formulario e enviándoo ao enderezo joseramon.romay@usc.es, ou ben entregándoo directamente no Observatorio o día 24 de outubro entre as 20:00 e as 21:30 horas. Para a asignación de grupos respectarase a orde de chegada.