Saltar ao contido principal
Xornal

Ángel Carracedo, premio Traxectoria Científica en Investigación Biomédica no marco dos galardóns ‘Constantes y Vitales’

O catedrático da USC acaba de recoller este recoñecemento promovido a nivel estatal pola cadea de televisión La Sexta en colaboración coa Fundación AXA

Actualizada: 28-10-2019 12:53
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O profesor Ángel Carracedo recibe o premio ‘Constantes y Vitales’ 2019 de mans da Secretaria de Estado, Ángeles Caballero. Imaxe cortesía de La Sexta

O catedrático e investigador principal do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) Ángel Carracedo acaba de recibir un dos catro premios ‘Constantes y Vitales’ 2019, un recoñecemento promovido anualmente a nivel estatal pola cadea de televisión La Sexta en colaboración coa Fundación AXA. Os responsables do galardón distinguiron nesta ocasión o conxunto da súa carreira co premio Traxectoria científica en Investigación biomédica, que recoñece a traxectoria global de científicos españois no ámbito no que desenvolvesen a meirande parte da súa carreira en España.

 

Ángel Carracedo dirixe o grupo Genomics and Bioinformatics no CiMUS e coordina o labor do Grupo de Medicina Xenómica, primeiro a nivel mundial en número de citas na área da Medicina forense no decenio 2001-2011. Na actualidade atópase entre os autores máis citados en Bioloxía Molecular, cunha media superior ás 2000 citas por ano. O Grupo de Medicina Xenómica está formado por preto de 100 persoas e traballa na actualidade en dez liñas de investigación, ademais de varias plataformas tecnolóxicas. As súas principais áreas de traballo inclúen a xenética do cancro, a farmacoxenómica ou as enfermidades psiquiátricas en idade infantil.

 

Currículo

Ao longo da súa traxectoria profesional, o profesor Carracedo publicou 12 libros e 550 artigos en revistas internacionais de prestixio como Nature, Science ou Nature Genetics, ademais das principais revistas de xenética médica, cancro e Medicina forense.

 

Asemade, recibiu numerosos premios, entre os que destacan a Medalla de Ouro e Prata de Galicia, o Premio Rei Jaume I de investigación, a Medalla Adelaide (a distinción máis importante a nivel mundial en Medicina Forense), a Medalla Galien (coñecido como “o Premio Nobel” do Medicamento), o Premio Nacional de Xenética, o premio Prismas de divulgación, o Premio Galicia de Investigación, a Medalla Castelao e o Premio Novoa Santos. O profesor Carracedo é tamén doutor honoris causa por varias universidades de Europa e América.

 

Por terceira vez, un investigador do CiMUS foi recoñecido nestes galardóns, tralos dous premios ‘Joven talento en investigación biomédica’ obtidos previamente polos IPs do centro Rubén Nogueiras (2018) e Miguel López (2016).