Saltar ao contido principal
Xornal

Investigadores do Ibader e da Universidade de Nottinghan advirten do impacto dos eólicos nas turbeiras de cobertor no Cantábrico

As afeccións dos parques eólicos e doutras actividades antrópicas alteran as condicións ecolóxicas das turbeiras de cobertor e ameazan a conservación da súa biodiversidade

Actualizada: 29-10-2019 14:11
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O director do Ibader, Pablo Ramil (á dereita) con outros investigadores participantes neste obradoiro After Life do Life Tremedal, na Praia de Arealonga

Investigadores do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus Terra da USC e da Escola de Ciencias Animais, Rurais e Medioambientais da Nottingham Trent University advirten do grave impacto que están a causar os parques eólicos nas turbeiras de cobertor da cordilleira Cantábrica e, nomeadamente nas serras setentrionais de Galicia, tal e como o veñen de comprobar no marco dun obradorio celebrado este mes na Serra do Xistral ao abeiro das accións do After-LIFE do LIFE TREMEDAL ‘Humidais continentais do Norte da Península Ibérica: xestión restauración de turbeiras e medios higrófilos’, un proxecto europeo no que o Ibader, como socio beneficiario, desenvolveu varias accións de restauración de hábitats turfófilos na ZEC Parga-Ladra-Támoga.

 

O grupo científico internacional que vén de participar neste encontro de traballo e análise das ferramentas dispoñibles para avaliación do impacto ambiental, salientou asemade que, alén das afeccións negativas provocadas pola actividade desenvolvida nos parques eólicos e polos seus propios elementos estruturais, existen outros efectos derivados de accións antrópicas que tamén alteran as condicións ecolóxicas das turbeiras de cobertor e incluso poden chegar a constituír unha ameaza real para a conservación da súa biodiversidade. Cómpre lembrar neste senso que as turbeiras de cobertor son un tipo de hábitat cuxa conservación resulta prioritaria e cuxa existencia resultou determinantes para a designación da Serra do Xistral como Espazo Natura 2000 ZEC, segundo comentou o profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e director do Ibader, Pablo Ramil Rego.

 

Os equipos de investigación do Ibader e da Universidade de Nottinghan que participaron neste obradoiro aproveitaron as xornadas de traballo para visitar diversas turbeiras localizadas na provincia de Lugo, ao tempo que puideron compartir e intercambiar diferentes traballos e experiencias levadas a cabo no ámbito das turbeiras de cobertor de Inglaterra, Euskadi, Cantabria e Galicia. Unha vez analizados os resultados das accións xa desenvolvidas, e logo de facer unha interpretación directa dos impactos en saídas a diversos enclaves naturais, os investigadores incluso chegaron a propoñer novas metodoloxías e técnicas para avaliar con máis precisión o impacto ambiental que están a casuar os parques eólicos no estado de conservación das turbeiras de cobertor.

 

As visitas ás turbeiras permitiron constatar o elevado impacto que causan os parques eólicos, a través dos seus diferentes elementos (turbinas, subestacións, pistas...). Esta afección é grave e negativa para o estado de conservación das turbeiras de cobertor do Xistral, e tradúcese tanto en termos de redución de superficie abranguida dos tipos de hábitat, como en afeccións sobre a estrutura e composición específica dos mesmos, modificación do funcionamento hidrolóxico do sistema de turbeiras, aparición de áreas de erosión, perda de conexión entre tipos de hábitat, diminución da permeabilidade para a migración, ou, entre outros, perda de intercambio xenético de especies silvestres, etc.

 

A comunidade científica desprazada á Serra do Xistral tamén tivo ocasión de comprobar a sinerxía entre os efectos causados polos parques eólicos cos orixinados por outras actividades, algunhas promovidas polo establecemento da intensa rede de pistas dos parques eólicos: repoboacións forestais con especies exóticas de rápido crecemento, pasteiros intensivos artificiais, extracción de turba, canteiras, etc. Estas actividades antrópicas alteran de xeito activo e pasivo as condicións ecolóxicas das turbeiras de cobertor e derivan nunha importante ameaza para a conservación da súa biodiversidade. Estes efectos afectan tamén á loita pola mitigación fronte ao cambio climático derivado da acción humana, posto que as turbeiras de cobertor funcionan como sumidoiros de carbono a longo prazo son transformadas  en fontes de emisión de carbono. 

 

O director do Ibader, que cualificou de “intensas e proveitosas” as xornadas de traballo compartidas entre os investigadores británicos e diversos grupos da USC, relatou que este obradoiro sobre avaliación do impacto de parques eólicos nas turbeiras de cobertor rematou cunha visita á Praia de Arealonga (Foz), un escenario natural no que os asistentes tiveron a ocasión de ver in situ un exemplo de paleoturbeira, na que se rexistra un período cronolóxico de máis de 50.000 anos, establecidos entre o Prewürm e o final do último estadial do Cuaternario.


Outras imaxes


Ramil, á esquerda, con outros investigadores na Serra do Xistral