Saltar ao contido principal
Xornal

Bioloxía emprende unha campaña de dinamización para fomentar o uso do galego nas aulas

Esta iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística elaborou dous vídeos con testemuños de alumnado e profesorado con máis de 1000 visualizacións en YouTube

Actualizada: 29-10-2019 14:19
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Un dos carteis que integran a iniciativa

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Bioloxía está a desenvolver unha campaña de dinamización para que o novo alumnado siga usando o galego ao chegar ao centro. Baixo o lema ‘O galego ten razóns. E ti, que razón tes?’, o Servizo de Normalización Lingüística da USC está a difundir a través da súa canle de YouTube dous vídeos, un dos cales xa supera as 1.000 visualizacións, nos que estudantes, doutorandos e profesorado contan as súas razóns para falaren en galego e desmontar, deste xeito, prexuízos e ofrecer modelos de referencia alternativos nos usos lingüísticos.

 

O 98% do alumnado do Grao de Bioloxía é galego, e unha boa parte, galegofalante. Mais o nivel de uso do idioma galego na docencia, entre outros posibles factores, provoca non poucas veces un descenso no uso do galego entre os estudantes, segundo datos do Servizo de Normalización Lingüística. Conscientes desta realidade, a Comisión de Normalización da Facultade propúxose desenvolver unha actuación para animar o alumnado a que siga usando o galego ao chegar ao centro ou mesmo de que o use máis do que facía.

 

Photocall

Tamén a través de carteis, a campaña remata estes días buscando a reflexión e participación de toda a comunidade da Facultade. A través dun photocall instalado na entrada do edificio, as persoas que o desexen poden retratarse xunto coas razóns que escollan para falar en galego ou para animar ás demais a que o falen. Precisamente a esta fase responde a segunda parte do lema da campaña, “E ti, que razón tes?” Posteriormente as imaxes trasladaranse aos perfís da Facultade nas redes sociais Facebook , Instagram , para que podan ser compartidas.

 

O equipo decanal e a propia Comisión de Normalización Lingüística foron dos primeiros en participar este martes no photocall. O decano, Antonio Segura, trasladou o seu desexo de que “oxalá con esta campaña quede claro que o galego é un idioma querido por nós, aínda que non sexa o máis falado, e que o alumnado non o perda, senón que mesmo o fale máis, ao chegar aquí, onda nós. Se con esta campaña, ademais, alguén se motiva para comezar a dar clases en galego, poderiamos sentir moita satisfacción como centro. Como di un dos profesores que intervén no vídeo, dalgún xeito contribuiriamos a manter a diversidade, que, se todos sabemos que é importante no eido natural, tamén o é no cultural e lingüístico.”

 

Pola súa banda, dende a Comisión de Normalización Lingüística tiveron palabras de agradecemento para os alumnos, doutorandos e profesores (Lúa, Pablo, Alba, Paula, Santi, Dani, Fran, Manuel Noia, Suso Lamas, e Carlos Osorio), pola súa desinteresada colaboración para dar vida a esta campaña que contou co apoio do Servizo de Normalización Lingüística.