Saltar ao contido principal
Xornal

O Grupo de Investigación Valle-Inclán recolle o I premio de Humanidades Dixitais Hispánicas

A directora da Cátedra e profesora da USC Margarita Santos Zas recolleu o galardón na clausura do II Congreso Internacional de Humanidades Dixitais

Actualizada: 04-11-2019 14:40
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Margarita Santos Zas recolle o galardón

O grupo de investigación Valle-Inclán da USC, dirixido pola profesora da Área de Literatura Española Margarita Santos Zas, acaba de recoller o premio Humanidades Dixitais Hispánicas á mellor ferramenta, recurso e infraestrutura 2018 polo Arquivo Dixital Valle-Inclán (1888-1936), na primeira edición dos Premios HDH2018. A clausura do II Congreso Internacional de Humanidades Dixitais, celebrado en Toledo, foi o marco no que tivo lugar a entrega do galardón.

 

O Arquivo Dixital Valle-Inclán (1888-1936) é unha das tarefas de maior envergadura que ten abordado o Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC (GIVIUS) tanto pola inversión de recursos humanos e materiais destinados, como polo traballo coordinado de equipos. O excelente resultado desta actuación xustifica a xa longa traxectoria deste grupo de investigación da USC. Daquela, cómpre salientar que o Arquivo Dixital Valle-Inclán (1888-1936) recolle o  corpus impreso do escritor anterior a 1936: documental, hemerográfico e bibliográfico, ademais de iconográfico e gráfico, compilado por el GIVIUS ao longo dos seus vinte anos de traxectoria.

 

O fondo compilado no Arquivo Dixital Valle-Inclán (ADVI) está integrado por 4.500 documentos aproximadamente que, convertidos en imaxes dixitais, acadan a cifra de 80.000 documentos. O ADVI proporciona desta xeito unha plataforma de consulta en liña a unha diversidade de usuarios e constitúe asemade unha potente ferramenta para a comunidade investigadora.

 

O acceso a todo o material que forma parte deste arquivo dixital, alén de constituír a principal achega do GIVIUS aos estudos valleinclanianos, é a súa contribución ao campo das Humanidades Dixitais e, por último, cumpre o obxectivo de devolver á sociedade o traballo realizado con fondos públicos (proxectos de investigación financiados por Mineco-fondos FEDER e/ou a Xunta de Galicia).

 

O xurado encargado de fallar a primeira edición dos Premios Humanidades Dixitais Hispánicas (HDH) estivo formado por Sagrario López Poza, da Universidade da Coruña; Domenico Fiormonte, da Universidade de Roma Tre); Paul Spence, de King´s College London; Carmen Isasi, da Universidade de Deusto, e Nuria Rodríguez Ortega, da Universidade de Málaga e presidenta de Humanidades Dixitais Hispánicas. Recolleron o Premio, no nome do Grupo Valle-Inclán, Margarita Santos Zas, Carmen E. Vílchez Ruíz e Sandra Domínguez Carreiro.