Saltar ao contido principal
Xornal

O CHUS actualiza este sábado 9 os coñecementos sobre a prematuridade a través dunha xornada con expertos

O foro contará coa participación de investigadoras da Universidade de Boloña que falarán do desenvolvemento comunicativo e lingüístico de nenos prematuros

Actualizada: 08-11-2019 13:47
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel da xornada

O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) impulsa unha xornada sobre prematuridade este sábado 9 de Novembro, ás 9.00 horas, para actualizar os coñecementos sobre esta materia e proporcionar aos profesionais que traballan con nenas e nenos prematuros instrumentos de avaliación do seu desenvolvemento psicolóxico.

 

A xornada será presentada por Mari Luz  Couce, neonatóloga do CHUS; Rocío Búa, secretaria de Asociación Galega de Familias de Nenos Prematuros; e Miguel Pérez Pereira, membro do grupo de investigación Underisk da USC e coordinador do Proxecto Prematuros. A xornada contará, entre outros relatores, coa participación de investigadoras da Universidade de Boloña que falarán do desenvolvemento comunicativo e lingüístico de nenos prematuros e dos resultados escolares en habilidade lectora e matemáticas de nenos moi prematuros e extremadamente prematuros, respectivamente.

 

Por parte do equipo de investigación do Proxecto Prematuros, dirixido por Miguel Pérez Pereira, expoñeranse algúns resultados dun estudo lonxitudinal realizado durante dez anos cun grupo de nenos prematuros de baixo risco e un grupo control de nenos nados a termo. Ademais, Miguel Pérez Pereira presentará unha plataforma  on- line desenvolta polo grupo de investigación Underisk que permite unha avaliación rápida e sinxela do desenvolvemento comunicativo e lingüístico de nenos pequenos, que pode ser de gran utilidade para o seguimento de nenos prematuros. A xornada está relacionada coa celebración do Día Mundial da  Prematuridade, que se celebra o 17 de Novembro.