Saltar ao contido principal
Xornal

A USC premia a calidade lingüística dos traballos do seu alumnado

Actualizada: 05-04-2019 12:47
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Foto de grupo do alumnado premiado nesta edición.

Fomentar entre o alumnado a cultura da calidade ligada ao uso do galego é o principal propósito dos Premios á Calidade Lingüística que xa vai pola súa décimo cuarta edición. Os galardóns da última convocatoria entregáronse este venres na Facultade de Xeografía e Historia nun acto que presidiu o reitor Antonio López e no que tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo; o decano do centro anfitrión, Francisco Durán, e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala.

O xurado quixo salientar a “alta calidade lingüística” dos máis dun cento de traballos presentados, que deben contar cunha certificación do docente titor conforme o traballo conta cunha mínima calidade científica ou académica.

Ao chamado da última convocatoria presentáronse 68 traballos de fin de grao-TFG (10 en Artes e Humanidades, 14 en Ciencias, 14 en Ciencias da Saúde, 22 en Ciencias Sociais e Xurídicas e 8 en Enxeñaría), 35 traballos de fin de mestrado-TFM (7 en Artes e Humanidades, 3 en Ciencias, 4 en Ciencias da Saúde, 19 en Ciencias Sociais e Xurídicas e 3 en Enxeñaría e Arquitectura) e 5 traballos académicos.

Premios aos TFG-PFC
Os premios para os TFG-PFC, dotados con 300 euros e diploma, foron para Interacción dixital rururbana. Nodos naturais de Pablo Rey Fernández, de Enxeñaría Informática (Área Enxeñaría), que lle dirixiron José Ángel Taboada González, José Ramón Ríos Viqueira e Roi Martínez Valladares; Como se mide o impacto económico dos incendios forestais da estudante de Economía Alba Martínez Mirás (Área CC Sociais e Xurídicas), titorizado por María Loureiro García; e Febre no campo. Fútbol en Fene ata 1936 de Roque Sanfiz Arias, de Historia (Área de Arte e Humanidades), con Miguel Cabo Villaverde como director.

Na área de Ciencias concedéronse ex-aequo a Aspectos topolóxicos do Teorema de Arzelà-Ascoli, do estudante de Matemáticas Marcos Tella Álvarez, dirixido por Fernando Adrián Fernández Tojo; Efectos do SOK1 na regulación da gliconeoxénese hepática, da alumna de Bioloxía Sara Vázquez Mera, con Celia María Pombo Ramos como titora; e a Introdución á integral de Henstock-Kurzweil, de Antía Álvarez Ares, tamén estudante de Matemáticas, que contou coa dirección de Fernando Adrián Fernández Tojo.

Na área de Ciencias da Saúde comparten o premio A acción colectiva no movemento estudantil. Potencia explicativa das variables psicosociais sobre a intención de participación no movemento estudantil, da estudante de Psicoloxía Clara González Fernández, titorizado por José Manuel Sabucedo Cameselle; e A síndrome de burnout en pais e nais de nenos con cancro, de Sara Martínez Ferreiro, do Grao en Enfermaría, un TFG dirixido por Silvia Novío Mallón.

Premios aos TFM
Os premios para os TFM, dotados con 500 euros e diploma, foron para Optimización da etapa de enriquecemento dun cultivo mixto para a produción de polihidroxialcanoatos a partir de augas de cocedoiro de mexillón de Lucía Argiz Montes, do Mestrado de Enxeñaría Ambiental, titorizada por Anuska Mosquera Corral; Evolución dos textos iniciais nos manuais de galego desde a Transición ata a actualidade de Raquel Vila Amado, do Mestrado de Profesorado de Educación Secundaria, con María López Sández como titora; Procesamento de palabras emocionais positivas e erros de concordancia de xénero: un estudo de potenciais evocados de Jéssica Suárez Arufe, do Máster en Neurociencia, dirixida por Isabel Fraga Carou; e A representación das soldadeiras nas cantigas de escarnio galego-portuguesas de Tania Vázquez García, do Mestrado en Estudos Medievais Interdisciplinares ‘Imaxes, Textos e Contextos’, dirixido por Esther Corral Díaz.

Na área de Ciencias comparten o premio os traballos Contrastes de independencia para datos xenómicos de alta dimensión, de Fernando Castro Pardo, do Mestrado en Técnicas Estatísticas, un TFG dirixido por Wenceslao González Manteiga; e Hipersuperficies con curvaturas principais constantes en variedades Kähler con curvatura seccional holomorfa constante, de Alberto Rodríguez Vázquez, do Mestrado en Matemáticas, baixo a dirección de José Carlos Díaz e Miguel Domínguez.

Traballos académicos
Pola súa banda, o estudante de 3º curso do grao en Historia Héctor Paleo Paz e o de 4º do grao de Mestre en Educación Primaria Rubén Iglesias Seoane foron os gañadores dos XIV Premios á Calidade Lingüística na súa modalidade de traballos académicos, dotados con senllos premios en metálico de 150 euros e diploma. Héctor Paleo concorría á convocatoria co traballo A recepción do Dereito Romano nos reinos medievais hispánicos e a súa influencia na cristalización da Monarquía e Rubén Iglesias con Revolucionar a escola para cambiar o mundo. O xurado decidiu declarar desertos os premios correspondentes ás áreas de Ciencias, Ciencias da Saúde e Enxeñaría.